Saturday 18 de May de 2024

Expertos apostan na EGAP pola mediación como mecanismo rápido e eficaz para chegar a acordos de forma voluntaria


A Escola Galega de Administración Pública acolleu o inicio dun curso sobre as ferramentas básicas para a resolución do conflito, principalmente a comunicación e o control das emocións

A Escola Galega de Administración Pública acolleu a inauguración do curso monográfico ´Ferramentas básicas para a resolución do conflito`, que organizará este organismo durante varias xornadas. Durante o curso, no que participaron 50 persoas, trataranse, entre outros temas, a comunicación e o control das emocións, a identificación e a dinámica dos conflitos, os estilos de resolución e a mediación.

Na súa inauguración participaron a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; a presidenta da sección española do Grupo Europeo de Maxistrados para a Mediación (GEMME) e Maxistrada da Sala do Social do Tribunal Supremo, Lourdes Arastey; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, e a catedrática de Dereito Procesual da Universidade de Santiago e directora do curso, Raquel Castillejo Manzanares.

Durante o acto, a directora da EGAP destacou a importancia do curso de marcado carácter práctico sobre un tema de gran relevancia e interese nas circunstancias presentes como é a xestión e resolución dos conflitos. Neste sentido, afirmou que a sociedade actual “demanda novas vías para resolver conflitos nas que se lle ofreza á cidadanía unha resposta máis rápida, máis eficaz e máis satisfactoria”. Sonia Rodríguez-Campos incidiu na mediación “como un método adecuado para a súa xestión a través das numerosas ferramentas que se verán polo miúdo neste curso. Tal vez os ámbitos de aplicación máis coñecidos desta disciplina sexan o xudicial, o familiar e o escolar, pero tamén é útil para resolver problemas comunitarios, veciñais, laborais ou entre organizacións, tanto públicas como privadas”.

Ademais, Rodríguez-Campos salientou a relevancia que adquiriu nos últimos anos a mediación, tanto no ámbito xudicial como no extraxudicial. “É responsabilidade da Escola Galega de Administración Pública ofrecer unha formación completa neste eido. Ademais deste curso de especialización, dentro do noso plan de formación non esquecemos a necesaria potenciación de materias relacionadas coa comunicación e a mellora das habilidades. Deste xeito, ofrecémoslles aos empregados públicos a oportunidade de formarse na prevención e xestión de conflitos, na negociación, na intelixencia emocional ou no traballo en equipo”, apuntou.

Pola súa banda, o director xeral de Xustiza, Juan José Álvarez Martín, destacou que dende o 2009 a Xunta aposta pola implantación de experiencias mediadoras nos órganos xudiciais galegos mediante diferentes resolucións e pola sinatura de acordos con distintas institucións e organismos como os subscritos este ano co colexio de avogados e psicólogos de A Coruña. Á súa vez, o director xeral de Xustiza apuntou que a mediación “é unha solución que as partes deron e aceptan como súa o que vai facilitar as cousas no futuro, sobre todo no ámbito familiar”.

A presidenta da sección española do Grupo Europeo de Maxistrados para a Mediación (GEMME) e Maxistrada da Sala do Social do Tribunal Supremo, Lourdes Arastey, incidiu na importancia da mediación e de coñecer o conflito, que debe ser abordado dende unha perspectiva positiva non negativa. “Hai que actuar nunha etapa inicial para ir acompañando as discrepancias cara as solucións satisfactorias e así evitar a destrución das relacións entre as partes”.

A catedrática de Dereito Procesual da Universidade de Santiago e directora do Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos da Universidade de Santiago (CIARCUS), Raquel Castillejo Manzanares, apuntou que a mediación é unha alternativa cada vez máis coñecida e recoñecida para resolver conflitos nos diversos ámbitos en España e destacou o elevado número de persoas interesadas en participar no curso, máis de 230.

A psicóloga e mediadora do CIARCUS, Cristina Torrado Tarrío, foi a encargada de dar a conferencia sobre comunicación e control de emocións. O curso monográfico sobre as ‘Ferramentas básicas para a resolución do conflito’ completarase con outras xornadas formativas que terán lugar os días 17, 23, 24, 25, 26, 27 e 30 de novembro e os días 1 e 2 de decembro.